Centro de Urxencias de A Laracha

Ampliación do Centro de Saúde de A Laracha para construción dun Centro de Atención de Urxencias Extrahospitalarias.

2019

O obxectivo era construír un edificio cun material de orixe natural cun proceso produtivo que, en relación a outros produtos industrializados, xenera menos residuos, require un baixo consumo enerxético, respecta a natureza e o medio ambiente e pódese dicir que é 100% renovable (de seguirse os protocolos de tala e replante que garantan a continuidade do ciclo), reciclable e reutilizable.

Proxectamos un edificio de madeira onde tanto os sistemas estruturais, como de pechamento, tabicaría e gran parte dos acabados se resolven mediante elementos tecnolóxicos de madeira maciza e derivados da mesma. Estes sistemas permiten un alto nivel de prefabricación e desenvolver un proceso completo de construción en seco.

Tívose en conta a eficiencia medioambiental do edificio, achegándonos aos parámetros de consumo case nulo.

O Centro de Atención de Urxencias Extrahospitalarias de A Laracha é un edificio de uso público sanitario ubicado dentro do núcleo urbano de A Laracha (A Coruña), nunha parcela cadrada de 717 m2, definida por dúas rúas que fan esquina, unha enorme medianeira pertencente a un edificio de vivendas e a fachada traseira do actual centro de saúde.

Era preciso proxectar un edificio que ademais do seu propio uso servise para ordenar o espazo circundante, establecer unha relación de escala cos edificios do contorno e á vez resolver as conexións precisas co centro de saúde, a medianeira e as vías públicas que lle dan servizo.

O edificio ten 613 m2 construídos distribuídos en dúas plantas. A súa volumetría, en forma de L, pégase á medianeira existente, tratando de reducir a súa presenza, á fachada sur do actual centro de saúde, buscando facilitar a conexión con el. Deste xeito liberamos espazo na parcela para o acceso dando lugar a un pequeno xardín que permite conservar un magnífico exemplar de chopo branco (Populus alba).

Ao edificio accédese a través dun cortaventos de grande transparencia que funciona como regulador térmico.

O vestíbulo de entrada é a parte representativa e lugar de acollida dos usuarios. Desenvólvese arredor dun patio exterior que comparte co centro de saúde existente e é punto de contacto visual entre ambos edificios que aquí se transforman nun. A luz e a vexetación entran desde o exterior e funcionan como filtro, como elemento de transición, suavizando a contorna, controlando o soleamento e as vistas. Contribúe este patio á diversidade do espazo e acompaña a comunicación interior co centro de saúde actual.

Para este hall amplo e luminoso, buscamos unha boa adecuación entre función e confort, tanto no uso do mesmo como a nivel perceptivo. Por tanto empregamos materiais naturais, nobres: paramentos de entaboado de madeira de carballo e estrutura de madeira laminada de abeto, que neste caso queda vista.

O pavimento resólvese mediante unha lámina continua de PVC, buscando minimizar o número de xuntas para percibilo como un único plano que procurará unha unidade visual nesta parte do edificio.

A zona de espera aparece como unha rótula entre os espazos de comunicación. A continuación organízanse as consultas, oficios e almacén de medicamentos. Traballamos nestes espazos con materiais continuos en teitos, paramentos e chans.

A planta primeira acolle os espazos de uso restrinxido ao personal sanitario. Desenvólvese ao longo dun corredor distribuidor que ordena e dá acceso a unha sala de descanso, aseos, vestiarios e dormitorios.

Tres ocos abren esta zona privada cara un espazo axardinado sobre a cuberta da planta baixa.

Nesta zona de uso non sanitario, modificamos os criterios de confort, que pasan de primar a eficiencia hixiénica a buscar un ambiente máis doméstico. Traballamos con chans de tarima maciza de carballo en salas, dormitorios e corredores. Nos aseos utilízase o PVC como único material continuo en parede e chan.

No que se refire á contorna inmediata, acondicionamos o espazo baleiro de parcela con xardíns en montículos, por un lado para a protección da árbore existente, separándoa así das zonas de circulación; e por outro, para crear unha barreira verde diante das fiestras das consultas, procurando a privacidade destes espazos.

 

Co desenvolvemento deste proxecto constatamos que é posible cambiar as propostas tradicionais de aceiro e formigón en edificios públicos, substituíndoas por un sistema completo de elementos tecnolóxicos de madeira e derivados. E comprobamos como ditos sistemas se adecúan a edificios ambiental e economicamente sostibles.

A viabilidade económica deste edificio compleméntase cun bo comportamento térmico e co conseguinte aforro que suporá durante a súa vida útil. E, ao final da mesma, pola facilidade da súa eventual desmontaxe e a posibilidade de reutilización dos seus elementos ou reciclaxe dos mesmos.

Por outra parte, valorouse moi positivamente o impacto do edificio de madeira sobre os usuarios dos servizos sanitarios pola sensación de confort que aporta e polo entorno seguro, saudable e acolledor que crea.

Barrio de Vista Alegre

Reurbanización e mellora da mobilidade e accesibilidade no barrio de Vista Alegre en Santiago de Compostela

2018

A formación do barrio de Vista Alegre corresponde á execución en fases dun grupo de edificios de vivendas de protección oficial dos anos 70 e 80. As edificacións posúen características semellantes, non dispoñían de ascensor e tiñan unha peculiar localización do portal de acceso ás vivendas nas terrazas públicas situadas ao nivel da primeira planta.

Estas características arquitectónicas dos edificios, xunto coa mala urbanización do conxunto, que ocasionaba grandes desaxustes nas rasantes de rúas e edificios, e incluso o acceso a edificios a través de pasos soterrados, producía un espazo urbano de moi mala calidade.

Este proxecto supuxo unha intervención na totalidade do barrio: eliminación das terrazas, demolición dos pasos soterrados e cubertos, redefinición das seccións das rúas, melloras dos materiais de acabado, mellora dos sistemas de instalacións, mellora do amoblamento…

O feito de eliminar as terrazas e polo tanto os portais e percorridos peonís á altura da primeira planta, a instalación das torres de ascensores localizadas polo exterior da edificación e a localización dos portais unicamente en planta baixa, fai obrigada a ampliación e novo deseño dos percorridos peonís, de maneira que garantan a accesibilidade nun barrio de poboación envellecida.

É necesaria ademais a reordenación do sistema viario, a eliminación de prazas de aparcamento naquelas rúas de sección máis reducida e o traslado das mesmas a pequenas zonas de aparcamento, salpicadas por diferentes zonas do ámbito, que faciliten a vida diaria sen supoñer unha apropiación do espazo por parte dos vehículos.

Por outro lado contemplamos a supresión do paso soterrado e a reordenación do acceso ás rúas Rianxo e Santa Uxía de Ribeira; a través dunha nova rúa que se orixina ao eliminar dito túnel e que permite a comunicación sen barreiras entre as rúas Rianxo e Santa Uxía coa rúa de Santa Comba, eixo vertebrador do barrio. Aprovéitase esta nova configuración para invertir os sentidos de circulación e facilitar a recollida de residuos mediante carga lateral en illas soterradas.

No referente ás seccións de rúa, adóptanse dúas opcións. Nas rúas de menor sección, carril dun único sentido e dúas beirarrúas, que se resolven cunha pavimentación uniforme en todo o ámbito á mesma cota, tanto calzadas como beirarrúas, en busca de continuidade entre os distintos ámbitos e polo tanto amplitude. Os espazos súmanse visualmente.

Colócase un elemento vexetal, case liñal, que actúa como bolardo e bordo impedindo o aparcamento incontrolado sobre as zonas peonís e permitindo, non obstante, a parada puntual de vehículos nas proximidades dos portais. Esta liña verde vai modificando a súa forma e espesor, cando a dimensión da zona exclusivamente peonil o permite, e acollendo de cando en vez bancos, orixinándose así pequenos espazos de estar.

A iluminación suspéndese cunha malla de finos tensores de aceiro suxeita ás fachadas. Con esta solución elimínanse os báculos de rúa e se mellora a calidade da iluminación.

Os corredores pegados ás fachadas con cotas diferentes ás beirarrúas contiguas, conéctanse con estas últimas mediante escaleiras e ramplas. Isto facilita o tránsito de persoas con mobilidade reducida e por outro lado ofrécese a posibilidade dun desprazamento rápido mediante escaleiras.

Naquelas rúas con sección suficiente para dous carrís e beirarrúas, a solución formal é máis convencional. Xenéranse distintos niveis para beirarrúa e calzada, aparecen bordos e a iluminación pasa a planearse mediante báculos.

As diferenzas de nivel entre a rasante da rúa e os edificios séguese resolvendo de igual maneira, con lixeiras varandas metálicas e elementos vexetais de borde, disuasorios, que funcionan como barreiras para os vehículos.

Destas solucións formais e funcionais, as máis sinxelas son tamén de aplicación ás pequenas prazas que aparecen nos entronques das rúas. Créanse espazos de estar, de relacionarse, de percorrer, espazos orgánicos con zonas máis íntimas e outras máis abertas, verdes, con poucos elementos de mobiliario xa que se trata de lugares de pequena escala.

No que respecta á recollida de residuos, empréganse sistemas de contedores selectivos soterrados. A ocupación en planta é mínima e en altura insignificante. Hixienicamente a mellora é moi importante respecto aos contedores de superficie.

Todo este espazo gáñase para os peóns en cantidade e calidade.

Polo demais, o traballo máis importante por facer foi resolver cada acceso a cada portal, a cada local, cada diferenza de nivel, cada paso transversal de forma pormenorizada…

Vista Alegre | Ezcurra e Ouzande arquitectura

Rúa Clara Campoamor

Concurso de anteproxectos para a reurbanización da rúa Clara Campoamor

2018

ESTACIÓN INTERMODAL-PARQUE DAS BRAÑAS DO SAR

Levamos a circulación peonil a un nivel inferior evitando interseccións que resultarían perigosas entre as circulacións rodadas e o tránsito a pé. Os percorridos peonís, separados destes aneis, optimizan o funcionamento da distribución de tráfico e achegan o tránsito de bicicletas e persoas ó parque das Brañas do Sar.

Con esta solución resólvense todos os movementos posibles da intersección e ademais conseguimos a continuidade da beirarrúa norte sen necesidade de habilitar cruces peonís na entrada e saída de autobuses da estación; redúcese a rede semafórica, favorécese a desaceleración e elimínanse os tempos mortos de espera. En definitiva, mellórase a seguridade dos usuarios.

A resolución do tráfico rodado mediante unha glorieta ofrece unha maior capacidade respecto a outras solucións de intersección -incluso respecto á semaforización-, e os custes de control e mantemento son menores. Reduce as emisións, o consumo de combustible e os niveis de ruído. Permite a incorporación de novas vías e sempre pode ser semaforizable.

Propoñemos un tratamento paisaxístico dos desniveis que mellora a calidade urbanística do entorno no que se enmarca e supón unha continuidade co parque das Brañas do Sar.

Para as áreas peonís e vías para bicicletas proponse un pavimento terrizo de terra compactada e estabilizada con polímero, executado con terras existentes ou mediante aporte. Este material mantén a durabilidade do firme de tránsito en contraposición a outras solucións como o aglomerado, máis contaminantes e que poden danar o fluxo de auga subterráneo. Tamén conseguimos un aspecto natural da cor do terreo, sen que se produzan os problemas de po asociados ós pavimentos terrizos convencionais, así coma evitamos os lavados do material por escorrentías de auga de choiva. En gran parte do trazado tampouco é necesario aportar áridos doutras zonas, mellorando por partida dobre o impacto ambiental, xa que conseguimos un camiño completamente ecolóxico e diminuímos a pegada de CO2 ao evitar transportes e consumos de combustible.

 

RÚA DE VEDRA

Para a Rúa de Vedra propoñemos actuacións de mellora estética e, dado o seu caracter residencial, optamos por un tránsito mixto de vehículos e peóns con preferencia destes últimos.

Por outra banda, co obxecto de mellorar a comunicación do barrio de Pontepedriña coa nova estación intermodal, propoñemos orixinar un novo acceso peonil e ciclista á estación pola parte alta da rúa de Vedra, conservando os característicos muros de cachotaría desta rúa, a antiga rampla da estación e a súa porta coas reixerías orixinais. Trátase de mellorar as comunicacións do barrio a través da súa historia.

Reurbanización Clara Campoamor |Ezcurra e Ouzande arquitectura